Thursday 16 de May de 2024

Alejandro Manteiga toma posesión como novo concelleiro da Corporación ordense


O socialista xurou o seu novo cargo nun pleno no que prosperaron as mocións relacionadas cos investimentos en Meirama para garantir a súa continuidade, coa estación da Pontraga, así como da instalación provisional de puntos de conexión eléctrica para as atraccións na vila

O pleno deste mes arrancou coa toma de posesión no novo concelleiro socialista, Alejandro Manteiga García, que pasa a substituír a Verónica Gómez tras a dimisión desta o pasado mes de marzo.
A primeira moción foi presentada polo grupo dos non adscritos en relación coa “adaptación da central térmica de Meirama para garantir o seu funcionamento ata o ano 2045”. Unha demanda solicitada tras o recente anuncio da necesidade de ter que realizar un investimento millonario para reducir as súas emisións e poder así adaptala á normativa vixente. Na moción tamén se reclama a intermediación da Xunta de Galicia a nivel europeo “para obter axudas que salvagarden as centrais térmicas”, ademais de que “reconsidere os impostos que gravan a actividade eléctrica para evitar que recaia sobre os usuarios e usuarias”. Agás as abstencións dos edís do PSOE e do BNG, o primeiro xustificándoa en base a ser traballador da empresa e os segundos pola súa aposta polas enerxías renovables entre outros aspectos, o resto de partidos votaron a favor. O alcalde José Luís Martínez Sanjurjo concretou neste punto que “as conversas mantidas entre a Xunta e Gas Natural Fenosa van por bo camiño”.
Prezo simbólico
Os nacionalistas viron prosperar as súas dúas mocións por unanimidade. Na primeira delas ínstase a negociar con ADIF o contrato de aluguer da estación da Pontraga. Tras un breve debate acordouse solicitar un prezo simbólico e ampliar a cesión o máximo número de anos que permita a lei máis aló do ano 2033, data na que remata o contrato asinado co Concello. Tras as conversas mantidas no ano 2015 entre o actual alcalde e representantes da delegación noroeste de ADIF conseguíraswe unha redución desta cuantía, pasando dos case 1000 aos 120 €.
Tamén se reclamou “a instalación dunha rede provisional de puntos de conexión eléctrica para as atraccións, barracas, postos de comida etc que se instalen en Ordes durante as celebracións, conforme se indica na normativa electrotécnica”. Tamén se esixe que propietarios e propietarias “presenten os certificados de cumprimento da dita normativa”. Ademais foi admitida unha emenda do grupo socialista que reclama o control do cumprimento das demais normativas ás que deben estar suxeitas este tipo de actividades. A pesar do seu apoio foron varios os voceiros, entre eles os do propio Goberno, que advertiron que non se trata dunha competencia municipal senón que a dita instalación debe realizala a empresa subministradora do servizo. Aínda así mantívose o compromiso para acadar a medida aprobada.